Nós

Nós

Temos lingua propia! Temos cultura de noso! Vivimos na terra onde a natureza se fai voluptuosa para acoller o val do Limia dende os cornos esgrevios da serra do Xurés. Damos un paso e atravesamos a inexistente raia con Portugal: a historia quixo afastarnos, mais únennos as tradicións, achégannos as palabras. Os do IES Aquis Querquernis levamos o nome dos antigos poboadores que gozaban da auga quente rodeados de natureza enxebre, no medio e medio das grandes carballeiras.

Este é o noso blogue de normalización lingüística. Nel presentamos os nosos traballos, amosamos as nosas inquedanzas, expresamos o noso desexo de podermos vivir en galego. E, sobre todo, convidamos a facer equipo. Porque, dende este espazo da natureza cheo de aire puro sabemos ben que a maxia da realidade se crea cos acentos compartidos. Únete a nós!

viernes, 7 de noviembre de 2014

Coa Mesa pola Normalización Lingüística no noso centro

O 16 de outubro Marcos Maceira, presidente d’A Mesa pola Normalización Lingüística, visitou o noso centro. No encontro que realizou con nós, as alumnas e alumnos da Baixa Limia, o tema da súa intervención foron os prexuízos lingüísticos.
No remate do encontro realizámoslle preguntas, das cales o que segue é unha mostra.


Que discriminación cara á nosa lingua che resultou mais sorprendente?
Lembro unha historia dun home do Carballiño que chamou (falando galego) a unha compañía de luz e o operario lle dixo que non o entendía e se lle podía falar ou castelán ou inglés. Ao final resultou que estaba chamando a Salamanca; pero, a compañía, ao subministrarlle a luz ao Carballiño, tiña que poder atender en galego. Por todo o acontecido tanto el coma nós reclamamos.
Persoalmente un día chamei unha empresa que me tiña que enviar un paquete. Faleille en galego e contestáronme que se non lle falaba en castelán non me entregaban o pedido. Eu naturalmente quedei pasmado.
Ambas son discriminacións nada boas para o galego.

Que che levou a presidir a Mesa pola Normalización Lingüística?
Elixíronme todos os meus compañeiros e compañeiras.

Superaranse todos estes prexuízos algún dia?
Eu agardo que si, pero fará falta compromiso por parte do goberno galego e o español. Ademais tamén dependerá de nós mesmos, da sociedade galega, que non nos podemos ver inferiores ás demais sociedades do mundo.

Cal dos prexuízos pensas que é o peor para a lingua?
Todos son malos. Pero  sen dúbida o peor é que consideremos o galego como unha lingua menos válida que as demais. Xa que moita xente pensa que só polo feito de sermos galegos somos inferiores a outros pobos, e para resolver isto o que fan é mudar a súa lingua, falando castelán, o que aínda é peor.
Non podemos pensar que somos inferiores ou superiores, porque todos temos dúas pernas, unha cabeza, un cerebro… É dicir, todos somos iguais.

Cantos anos leva vostede defendendo o galego?
Levo moitos, máis de 20 anos defendendo o idioma galego.

Que opina vostede do trilingüismo que se intenta impoñer na educación?
Non teño nada en contra, coido que o ideal seria coñecer moitas linguas, pero penso que intentan facelo para sacar o idioma galego do ensino, poñendo o inglés como excusa.

Que papel ten o goberno galego en que o noso idioma segundo os datos do Instituto Galego de Estatística (IGE) non sexa hoxe xa o idioma máis falado pola poboación?
O peor prexuízo é que nós consideremos a lingua inferior, xa que non só consideramos inferior a nosa lingua , senón tamén a nós mesmos. Nós non cremos que temos as mesmas capacidades de desenvolvemento coa nosa lingua como con outras e por iso cambiamos de lingua. Nós somos iguais que os demais, empreguemos a lingua que empreguemos.
O que se debería facer dende o goberno galego (e non se fai) é promover o noso idioma dende todas as instancias posíbeis: cultura, medios de comunicación, empresa, xustiza...

Podería darme un argumento para combater o prexuízo de que o galego fóra de aquí non serve para nada?
Vale exactamente igual que calquera outra lingua, xa que nos serve para comunicarnos dentro do mesmo territorio. Ademais temos a vantaxe de que a nosa lingua e o portugués tamén teñen a mesma orixe e podemos comunicarnos polo mundo través dela sen ningún problema.

De onde cre que sae a falsa idea de relacionar o galego coa pobreza e o atraso?
Débese a que, logo da etapa de enorme prestixio que durante a Idade Media acadou o galego, se nos impuxo o castelán. E as clases dirixentes, traídas de fóra de Galiza, non o falaban.

En que afecta a LOMCE  ao galego?
Intenta potenciar o castelán e a LOMCE daralle un 100% dos estudos aos rapaces que queiran descoñecer a súa lingua propia.

É do Depor ou do Celta?
Do Celta.

Se persisten estes prexuízos durante moito tempo, que ocorrerá coa lingua galega?
Moitos prexuízos non son de agora e non se sabe o que pasará nun futuro. Así como moitos prexuízos está empezando a desaparecer, outros están empezando a reavivarse. Se os galegos deixamos de usar a nosa lingua desapareceremos como pobo.

Estrada nacional ou autopista de peaxe?
Depende, todo tipo de peaxe deberase suprimir.

Reflexione sobre o feito de que aos nenos de hoxe en día se lles corte o dereito de aprender a lingua propia, o galego.

Temos que tentar que os nenos aprendan a súa lingua propia, o galego, xa que teñen ese dereito.











No hay comentarios:

Publicar un comentario