Nós

Nós

Temos lingua propia! Temos cultura de noso! Vivimos na terra onde a natureza se fai voluptuosa para acoller o val do Limia dende os cornos esgrevios da serra do Xurés. Damos un paso e atravesamos a inexistente raia con Portugal: a historia quixo afastarnos, mais únennos as tradicións, achégannos as palabras. Os do IES Aquis Querquernis levamos o nome dos antigos poboadores que gozaban da auga quente rodeados de natureza enxebre, no medio e medio das grandes carballeiras.

Este é o noso blogue de normalización lingüística. Nel presentamos os nosos traballos, amosamos as nosas inquedanzas, expresamos o noso desexo de podermos vivir en galego. E, sobre todo, convidamos a facer equipo. Porque, dende este espazo da natureza cheo de aire puro sabemos ben que a maxia da realidade se crea cos acentos compartidos. Únete a nós!

lunes, 2 de febrero de 2015

Encontro con Marcos Calveiro

A segunda feira 26 de xaneiro recibimos ao escritor Marcos Calveiro, quen mantivo un encontro co alumnado do noso centro.



Na primeira avaliación todas e todos lemos algunha obra súa. Logo, en cada nivel educativo, traballouse co libro que se leu e artellouse unha exposición conxunta: O libro dos libros de Marcos Calveiro. Con ela reflectimos a visión que acadamos da obra deste escritor.

Estes foron os libros seus que lemos este curso:
1º ESO: Palabras de auga.
2º ESO: Todos somos.
3º ESO: O pintor do sombreiro de malvas.
4º ESO: Setteccento.
1º/2º Bacharelato: Festina lente.


As que seguen son algunhas preguntas que lle fixemos o día da súa visita.

Como comezaches a escribir?
De pequeno non había televisión. Eu lía moitos libros. Vivía detrás da biblioteca municipal e estaba sempre a ler.

A que idade comezaches a escribir?
Aos trece ou catorce anos.

Que che inspirou o libro Palabras de auga?
As mulleres de África buscando formigas para alimentaren os seus fillos.

Coñeces ou fuches a África?
Non. Adoito escribir sobre lugares que non coñezo.

Con que personaxe te identificas máis en Todos somos?
Coa policía que aparece no libro.

Aparece Natalia?
Ao principio aparecía, pero logo deixei que interpretase o lector.

Que te inspirou a facer este libro?
Os numerosos casos de desaparicións.

Por que decidiches que ao final de Setteccento o violín rompese?
Era xustiza poética. O “malo” da historia non ía levar un obxecto tan prezado coma un violín stradivarius.

Vimos que no libro aparecen palabras en italiano. Falas ese idioma?
Puxen palabras en italiano basicamente porque é onde se sitúa a historia. Penso que é unha especie de xogo. Tamén escribín un libro no cal a historia acontece nunha tribo de África e introducín no libro palabras na súa lingua, o suahili.

Nesta novela sábese o que pasa con todos os personaxes menos con Aldo. Ao final que lle ocorre?
Non me preocupan os cabos soltos, iso déixoo para que cadaquén o interprete. Preferín centrarme máis no que lle acontece ao violín. Como xa dixen, gústanme as novelas con finais abertos, que deixen pensar ao lector.

Gústache facer novelas históricas?
A historia da música é un tema que me apaixona.

Por que puxeches o título do libro en latín?
Especialmente porque me gusta moito o latín, que creo que é unha lingua que deberiamos estudar dende pequenos. O lema Festina lente significa que as cousas hai que facelas apuradas pero con xeito.

Que libro che gustou máis facer?
Todos me gustan por igual, non teño preferencias. De feito, considero os libros coma se fosen fillos meus.

Existe realmente o códice do que se fala na historia?
Non. O códice foi unha invención miña para meter un pouco de intriga. O que si realmente existe é a lingua dos arxinas.

Identifícaste con algún personaxe?
Claro, identifícome co encadernador. A min os libros agrádanme moito, tamén como obxectos. De feito, se tivese máis diñeiro conseguiría libros moi antigos. O personaxe do encadernador escollino porque un dos traballos da miña muller foi ser encadernadora.

  


 










Noelia Álvarez Márquez (2º ESO)
Verónica Rodríguez González (2º ESO)
Andrea Álvarez Penín (4º ESO)
Ariadna da Silva Ferreira (1º Bacharelato)

Rocío Jiménez García (1º Bacharelato)