O 16 de outubro Marcos Maceira, presidente d’A
Mesa pola Normalización Lingüística, visitou o noso centro. No encontro que
realizou con nós, as alumnas e alumnos da Baixa Limia, o tema da súa intervención
foron os prexuízos lingüísticos.
No remate do encontro realizámoslle preguntas,
das cales o que segue é unha mostra.
Que discriminación cara á nosa lingua che
resultou mais sorprendente?
Lembro unha historia dun home do
Carballiño que chamou (falando galego) a unha compañía de luz e o operario lle
dixo que non o entendía e se lle podía falar ou castelán ou inglés. Ao final
resultou que estaba chamando a Salamanca; pero, a compañía, ao subministrarlle
a luz ao Carballiño, tiña que poder atender en galego. Por todo o acontecido
tanto el coma nós reclamamos.
Persoalmente un día chamei unha
empresa que me tiña que enviar un paquete. Faleille en galego e contestáronme
que se non lle falaba en castelán non me entregaban o pedido. Eu naturalmente
quedei pasmado.
Ambas son discriminacións nada boas
para o galego.
Que che levou a presidir a Mesa pola
Normalización Lingüística?
Elixíronme todos os meus
compañeiros e compañeiras.
Superaranse todos estes prexuízos algún dia?
Eu agardo que si, pero fará falta
compromiso por parte do goberno galego e o español. Ademais tamén dependerá de
nós mesmos, da sociedade galega, que non nos podemos ver inferiores ás demais
sociedades do mundo.
Cal dos prexuízos pensas que é o peor para a
lingua?
Todos son malos. Pero sen dúbida o peor é que consideremos o galego
como unha lingua menos válida que as demais. Xa que moita xente pensa que só
polo feito de sermos galegos somos inferiores a outros pobos, e para resolver
isto o que fan é mudar a súa lingua, falando castelán, o que aínda é peor.
Non podemos pensar que somos
inferiores ou superiores, porque todos temos dúas pernas, unha cabeza, un
cerebro… É dicir, todos somos iguais.
Cantos anos leva vostede defendendo o galego?
Levo moitos, máis de 20 anos
defendendo o idioma galego.
Que opina vostede do trilingüismo que se intenta
impoñer na educación?
Non teño nada en contra, coido que
o ideal seria coñecer moitas linguas, pero penso que intentan facelo para sacar
o idioma galego do ensino, poñendo o inglés como excusa.
Que papel ten o goberno galego en que o noso
idioma segundo os datos do Instituto Galego de Estatística (IGE) non sexa hoxe
xa o idioma máis falado pola poboación?
O peor prexuízo é que nós
consideremos a lingua inferior, xa que non só consideramos inferior a nosa
lingua , senón tamén a nós mesmos. Nós non cremos que temos as mesmas
capacidades de desenvolvemento coa nosa lingua como con outras e por iso
cambiamos de lingua. Nós somos iguais que os demais, empreguemos a lingua que
empreguemos.
O que se debería facer dende o
goberno galego (e non se fai) é promover o noso idioma dende todas as
instancias posíbeis: cultura, medios de comunicación, empresa, xustiza...
Podería darme un argumento para combater o
prexuízo de que o galego fóra de aquí non serve para nada?
Vale exactamente igual que calquera
outra lingua, xa que nos serve para comunicarnos dentro do mesmo territorio.
Ademais temos a vantaxe de que a nosa lingua e o portugués tamén teñen a mesma
orixe e podemos comunicarnos polo mundo través dela sen ningún problema.
De onde cre que sae a falsa idea de relacionar o
galego coa pobreza e o atraso?
Débese a que, logo da etapa de
enorme prestixio que durante a Idade Media acadou o galego, se nos impuxo o
castelán. E as clases dirixentes, traídas de fóra de Galiza, non o falaban.
En que afecta a LOMCE ao galego?
Intenta potenciar o castelán e a
LOMCE daralle un 100% dos estudos aos rapaces que queiran descoñecer a súa
lingua propia.
É do Depor ou do Celta?
Do Celta.
Se persisten estes prexuízos durante moito tempo,
que ocorrerá coa lingua galega?
Moitos prexuízos non son de agora e
non se sabe o que pasará nun futuro. Así como moitos prexuízos está empezando a
desaparecer, outros están empezando a reavivarse. Se os galegos deixamos de
usar a nosa lingua desapareceremos como pobo.
Estrada nacional ou autopista de peaxe?
Depende, todo tipo de peaxe
deberase suprimir.
Reflexione sobre o feito de que aos nenos de hoxe
en día se lles corte o dereito de aprender a lingua propia, o galego.
Temos que tentar que os nenos
aprendan a súa lingua propia, o galego, xa que teñen ese dereito.