Andrea Ramos Domínguez (3º ESO A)
O día 10 de maio o alumnado de normalización lingüística fomos visitar o instituto dos alumnos e alumnas cos que nos intercambiamos este ano, o IES AQUIS CELENIS (Caldas de Reis).
Trátase dun centro moi especial, xa que ten algo en común co nome do noso centro: os dous levan AQUIS no nome, porque iso vén do romano "auga".
O que fixemos durante ese día en Caldas de Reis foi visitar o seu instituto, xa que eles cando viñeron a Bande tamén o fixeron e parece que quedaron encantados co noso centro e coa paisaxe que temos por toda a Baixa Limia. Logo ensináronos unhas curtametraxes que fixeron eles sobre os alumnos que participan no traballo de normalizacion lingüistica e presentáronos un pouco a súa vila, os lugares máis importantes e as construcións máis antigas dela.
Contáronnos unha lenda que había sobre un tesouro que apareceu no lugar, sobre un montón de obxectos de ouro que apareceron enterrados nunha finca, cando se dispuñan a facer obras. Logo leváronnos polo xardín botánico de Caldas, onde se atopan un montón de especies de árbores, flores, arbustos e demais especies vexetais.
Máis tarde, como xa estabamos cansos e xa eran horas de comer os nosos profesores decidiron levarnos comer a un lugar precioso, xenial, incrible. Nunca vira unha cousa tan bonita. Fomos comer a un sitio que quedaba moi lonxe, pero mereceu a pena andar tanto, pola beira do río Umia, para poder coñecer un lugar tan bonito como a fervenza que fomos visitar. A brisa que corría axudábanos a contrarrestar a calor que ía.
Por último fomos a Pontevedra; alí un guía turístico guiounos polas rúas máis importantes. Tamén nos contou que nalgúns sitios onde estivemos vivira e traballara Castelao.
Finalmente, collemos o autobús e viñemonos para Bande. A verdade é que estas excursións son moi interesantes, xa que coñeces novos lugares, coñeces nova xente e aprendes cousas que antes non sabías. Paseino moi ben na excursión e por min volvería repetir calquera día.
No hay comentarios:
Publicar un comentario