Chegou o día esperado para os membros do equipo de normalización lingüística, despois dun longo período de tempo preparando a a visita do intercambio co IES de Caldas de Reis queriamos que todo saíse o mellor posible, e así foi.
Recibímolos no salón de actos do instituto, onde vimos un vídeo no que os alumnos/as, divididos por concellos, falaban e presentaban o mellor da gastronomía, turismo, natureza… de cada unha das súas aldeas.
Deseguido todos en harmonía e amizade, pero un pouco tímidos aínda, partimos cara a igrexa visigótica de Santa Comba de Bande. Alí fomos recibidos por unha muller da aldea que nos explicou as principais características desta preciosa construción. Ao remate desta visita era o turno para o campamento romano que dá nome ao noso centro, Aquis Querquernis. Unha vez no centro de interpretación do campamento comezou unha explicación sobre a chegada dos romanos a terras galegas e, por suposto, a presentación nun breve documetal da diversidade de riquezas naturais que residen no contorno da Baixa Limia.
Logo dunha amena mañá chega a hora do xantar, no albergue de Muíños. Os alumnos dos dous centros comezan a relacionarse e a intercambiar opinións sobre o acontecido. Posteriormente e xa co bandullo cheo era o turno para o municipio de Lobios. Alí visitamos un pequeno tramo da Vía Nova ou Vía XVIII, que une as localidades de Braga e Astorga. Tamén visitamos os miliarios, que son grandes pedras cilíndricas da época romana con inscricións en latín, postas ao longo da vía romana. Para rematar o día estivemos sacando fotos nun miradoiro que ten como fondo a “Corga da Fecha”, unha espectacular fervenza que descende dende o alto dunha escarpada montaña situada na raia entre Galiza e Portugal.
Persoalmente creo que foi unha actividade moi positiva, xa que tivemos o privilexio de amosarlles aos nosos convidados, pasadas por auga, algunhas das marabillas que hai na Serra do Xurés. Espero que está actividade perviva moitos anos máis.
Francisco Silva González (1º Bacharelato)
No hay comentarios:
Publicar un comentario