Nós

Nós

Temos lingua propia! Temos cultura de noso! Vivimos na terra onde a natureza se fai voluptuosa para acoller o val do Limia dende os cornos esgrevios da serra do Xurés. Damos un paso e atravesamos a inexistente raia con Portugal: a historia quixo afastarnos, mais únennos as tradicións, achégannos as palabras. Os do IES Aquis Querquernis levamos o nome dos antigos poboadores que gozaban da auga quente rodeados de natureza enxebre, no medio e medio das grandes carballeiras.

Este é o noso blogue de normalización lingüística. Nel presentamos os nosos traballos, amosamos as nosas inquedanzas, expresamos o noso desexo de podermos vivir en galego. E, sobre todo, convidamos a facer equipo. Porque, dende este espazo da natureza cheo de aire puro sabemos ben que a maxia da realidade se crea cos acentos compartidos. Únete a nós!

viernes, 16 de noviembre de 2012

Día da Ciencia en GALEGO.

O pasado martes, día 6 de novembro, celebrouse o Día da Ciencia en Galego.
O alumnado de Bacharelato fomos á aula de informática para ver unha conferencia a través de internet sobre o Bosón de Higgs.
Comprobamos que o galego está moi presente no ámbito científico e que son moitos os científicos galegos que participaron na súa investigación.
Isto demostra que o galego está moi presente na ciencia e que non fai falta falar castelán para ser un gran científico.
Quedou demostrado que todos os prexuízos que hai contra o galego son totalmente falsos e propios de persoas que non teñen unha cultura básica como para saber que o galego é unha lingua coa que te podes comunicar con millóns de persoas en todos os continentes (polo parecido que mantén co portugués) e que podes ser un gran científico estudando e vivindo en Galicia boa parte da túa vida.
Natalia Giménez García
José Ángel Fernández Gil
1º de Bacharelato

Premios PONTE...NAS ONDAS! 2012

O pasado venres 26 de outubro tivo lugar a entrega de premios da edición do VI Certame de Recolla da Tradición Oral Galego-Portuguesa convocado pola Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte... nas Ondas! O escenario elixido foi o salón de actos da cámara municipal de Caminha.

O obxectivo principal deste certame, ao longo das súas sucesivas edicións, é descubrirlle ás novas xeracións a existencia dun rico e variado patrimonio cultural común. A referida sexta convocatoria do certame tivo como temática os contos populares. A través dela procurouse estimular a recollida, transmisión e difusión dos contos populares que aínda permanecen na memoria das persoas portadoras do patrimonio inmaterial galego-portugués.
Dentro do que é o certame convócanse diversas categorías, en función dos diferentes niveis educativos —dende o ensino primario ao universitario— e o ámbito de incidencia do premio é o conxunto de centros de ensino de Galiza e do norte de Portugal. O resultado final é a elaboración, por parte de cada grupo de rapaces/-as, dunha produción audiovisual a partir da temática proposta.

O traballo do IES Aquis Querquernis de Bande —realizado a través do labor do Equipo de Normalización Lingüística do centro— resultou galardoado con senllos premios, un na categoría de ensino secundario e outro na de Bacharelato.
O alumnado de 4º da ESO obtivo o segundo premio na categoría de ensino secundario. O audiovisual elaborado leva por título “Sonche contos...” e baseáse na experiencia de traer ao centro diversas persoas maiores da comarca quen contaron contos e lles explicaron ao alumnado —quen tamén contou contos populares propios— os ámbitos de usos máis frecuentes desta, e doutras, modalidades da literatura popular.

O alumnado de 1º de Bacharelato obtivo o primeiro premio na categoría de Bacharelato. O audiovisual elaborado leva por título “As memorias da Baixa Limia” e baséase na experiencia de gravar en diferentes lugares da comarca persoas maiores —incluídas residencias da terceira idade—, quen dan conta do seu amplo repertorio de literatura popular e explican as vivencias relacionadas coa súa transmisión.







RECOLLIDA DE PREMIOS PONTE NAS ONDAS 2012
Saímos ás oito e media do instituto cara a Caminha. Pasamos a fronteira por Ponte Barxas. Fixemos unha parada en Melgaço para tomar un petisco e seguimos. Chegamos a Caminha cara ás once media. Cando chegamos, a acollida foi inmediata e senímosnos un máis. Tiñamos que recoller dous premios: un na categoría de ESO e outro na de Bacharelato.
O acto de entrega tivo lugar na cámara municipal de Caminha. Iniciouse cunhas verbas dos representantes da Asociación Ponte... nas Ondas! Logo dirixiuse a todos nós o concelleiro de Educación daquel municipio.

Durante a entrega de premios tiveron lugar varias actuacións musicais: primeiro unhas pandereiteiras dun instituto galego; despois os nosos veciños portugueses deleitáronos cunha actuación de concertina e uns bailes tradicionais da zona, ao cal se uniron varios alumnos/-as de Bande para recrearmos a unión entre nós; para finalizar tivemos a actuación duns gaiteiros do instituto da Guarda. Ao final, a cámara municipal agasallounos cuns aperitivos para así termos oportunidades de confraternizar.
Logo tivemos unha visita guiada pola fermosa vila de Caminha, na cal visitamos a igrexa matriz —que é de estilo gótico, con detalles renacentistas e foi declarada monumento nacional en 1910—, a torre do reloxo —onde vimos unha reportaxe sobre a vila— e camiñamos pola muralla que rodea a igrexa, que ten unhas vistas fantásticas sobre o río Miño.

A seguir xantamos na escola de Primaria e Secundaria de Caminha, onde comemos moi ben e quedamos moi sorprendidos das súas boas instalacións. Despois volvemos por Ponte da Lima, Ponte da Barca e pasamos para Galiza pola fronteira da Madalena.
Pasámolo en grande e a pesar de uns falar galego e outros portugués entendiámonos perfectamente e ninguén tivo que mudar de lingua.
Gabriel Santana Rodríguez – 1º de Bacharelato
Selina Álvarez Blanco – 2º de Bacharelato